>> dimecres 12 de gener de 2011

Os 1181 galegos de Australia

En Xullo de 2006 saía ao prelo o número 2 (extra) dunha publicación sen precedente na Galiza ou na diáspora galega. Falo da revista ReNova Galiza, pensada como caderno de pensamento cívico; con temática galega e català. O número do que lles falo leva por título A Galiza global: as galegas e os galegos no mundo (I). Este traballo estatístico e sociolóxico que se levou a cabo é un dous poucos estudos máis ou menos rigurosos (non en termos de resultados, mais sí en termos cualitativos) sobre a realidade dos galegos no Exterior. Este feito é un dos méritos da revista editada por Camilo F. Valdehorras.

Encabezo o meu artigo con eses 1181 galegos en Australia. Esta cifra forma parte do artigo Análise estatística da emigración galega: fontes e cuantificación de don Xelasio Nogueira para a revista antes citada. O xeográfo quixo analizar e estimar a cantidade de galegos que habitan no mundo mediante estimacións, outras fontes e o censo do CERA. Concretamente, para o caso de Australia, utilizouse o censo de residentes ausentes. Os datos que alí se presentan, sen ser totalmente acertados (pola imposibilidade de realizar un estudo riguroso) sí son eminentemente interesantes e dignos de merecer atención. E por qué? Pois porque amplía a nosa idea de Galiza como nación; porque os galegos xa non son 2,8 millóns, senón 3,7. Permítenos pensar nunha Galiza Global.

Manuel Rivas, nun artigo na edición galega do xornal El País [1], falaba o 09/02/2007 desta realidade da Galiza Global. “Galicia non somos os 2.800.000 habitantes, máis ou menos. Como di Xelasio Nogueira en Renova Galiza: "Uns 3.700.000 nativos de Galiza viven, arestora, no planeta". A revista inclúe un curioso mapamundi da Galicia global. Algúns datos: 280.000 galegos en Bos Aires, 100.000 en Venezuela, 90.000 en Alemaña, 55.000 en Suiza, 50.000 en Francia, 36.000 en Uruguai, 32.000 en Inglaterra, 17.000 en México... 1.500 en Porto Rico, 1.181 en Australia, 282 en Namibia... 31 en Filipinas e 26 en Siberia.” O escritor d'O lapis do Carpinteiro manifestábase maravillado polo traballo que chegaba dende máis aló do Padornelo. Recoñecía a valentía daqueles que recolleran o testigo de Castelao (creador da Nova Galiza, aló polo 1938) e falaban da Galicia Exterior.


Pola súa banda, outra xente pensou noutras Galizas. A Galiza online da que nos fala Débora Campos, xornalista galegoarxentina, cunha presenza importantísima da diáspora desde que, na pasada década dos 2000, nacera o fenómeno do blogomillo. A revolución da Galiza emigrada, que propuña no seu artigo Vagalumes de identidade (e que aplaudía Rivas) a agora eurodeputada do BNG, Ana Miranda. Mesmo, incluso, o país portátil do que nos Manuel Rivas.

Chegou o momento de poñer esa Galiza online, esa idea portátil de páis ao servizo da revolución ideolóxica e de cultura que há chegar dende a diáspora galega. É hora de involucrar a todos nun proxecto global, no que tódalas visións conten e que teña no centro da súa acción Galiza e as súas xentes. É por iso que nace Alba de Groria. Por ese motivo, tamén naceu Cadernos de Comunicación e Análise. Queremos recoller o traballo de ReNova Galiza e ese difícil mandato de tentar achegarnos a Galiza e revolucionar a concepción da emigración. E para esa difícil tarefa, precisamos da túa axuda. Precisamos saber quen eres, que fas. Queremos saber quen son os 1181 galegos de Australia.



Podes ler este artigo nos CADERNOS DE COMUNICACIÓN E ANÁLISE http://cadernos.blogaliza.org/2011/01/11/os-1181-galegos-de-australia/

0 comentaris:

Publica un comentari

Comentarios Recentes

Búsqueda en Google

Os meus blogs

  © Blogger template Werd by Ourblogtemplates.com 2009

Back to TOP