Os trens perdidos da diáspora galega
>> dimecres 21 de setembre de 2011
Os trens perdidos da diáspora galega
Dun tempo a esta parte veño lendo en diversos medios de comunicación da diáspora unha serie de datos que non deixan lugar a dúbidas. É máis, o único que fan é acrecentar a preocupación (e sensibilidade) que temos algúns en relación a esta cuestión. Estadísticas como as que nos ofrece Cadernos de Comunicación de cando en vez sobre porcentaxes, números totais e outros datos sobre o que, en definitivo, é o incremento da marcha de galegos e galegas cara ao exterior que há marcar o principio do século XXI. Pero a cifra, por fría e insensíbel, é menosprezada unha e outra vez polo público xeral. Mais, tamén, é despreciada polos medios de comunicación de Galicia, que moitas veces quédanse coa anécdota ou con visións da emigración máis folklóricas.
Pero teño a sensación de que, ou moito cambian as cousas, ou os que sentimos Galiza como país estamos á deixar pasar unha oportunidade sen precedentes. Un deses moitos trens perdidos da diáspora galega. Xa pasaron moitas oportunidades, como foi, incluso, o exilio de moitos republicáns e galeguistas na época da posguerra. Pero a situación actual é máis grave, se cabe.
Estiven 5 días na cidade de Londres. O certo é que nunca estivera no Reino Unido, e máis aló do turismo, experimentei de primeira man moitas das cousas que pregoan eses neoliberais que nos levaron á crise actual. Un exemplo: que os controis dos aeroportos os fagan empresas privadas de seguridade, entre outros moitos. Aloxeime nun hostal de preto da zona de Notting Hill, preto das paradas de metro de Bayswater e Queensway, moi pretiño da parte norte do Hyde Park. Durmín nunha habitación de 21 persoas, nas que a pluralidade cultural era patente. Pasaron por alí xentes de tódalas nacionalidades. Moitas desas persoas buscando traballo. Instalados de xeito temporal aló para buscar o seu futuro lonxe da súa casa.
Non atopei ningún galego, na miña habitación do hostal. Xa sería moita casualidade. Mais si xente de Barcelona e doutros puntos do Estado. Grupos de xente con maletas grandes, falando en portugués, galego, català ou castelán.
A situación é moi grave. E os galegos nacionalistas temos que estar preparados. Hai que facer un esforzo de irmandade, un esforzo individual de axuda mutua. Quedou atrás xa o modelo dos Centros Galegos ou, cando menos, cumple xa outras funcións. É o momento do compromiso de todos e cada un de nós con esa xente que busca o futuro lonxe de Galiza. Non deixemos pasar o importante tren de estar presentes alí onde está un galego. Non nos esquezamos de que o futuro é noso.







0 comentaris:
Publica un comentari