ETA: un negocio rentábel
>> divendres 21 d’octubre de 2011
Desde que José María Aznar deixou de falar do "movimiento vasco de liberación" xa pasaron moitos días, con cadansúas noites. Moito choveu sobre mollado entre as hordas do terrorismo informativo (os da 'España se rompe' entre outras cantinelas estúpidas e irreais). Esa manipulación informativa (con sede en Madrid) que Guardiola deu en chamar Central Lechera e o independentismo catalán (con Laporta á cabeza) alcumou como Caverna Mediática ou a Brunete informativa. O certo é que ETA foi un pretexto para calquera cousa. A organización armada Euskadi ta Askatasuna foi presentada como pouco máis que o diaño, en multitude de ocasións, con obxectivos políticos da dereita informativa. E Pedro J. Ramírez caeu no máis bochorno dos bochornos en episodios como os do ácido bórico ou as falsas acusacións á familia Mondragón no 11-M.
O PP sempre mantivo dúas estratexias paralelas con respecto ao conflicto vasco. Por un lado, na primeira lexislatura de Aznar, pretendeuse ofrecer unha "guerra limpa ao terrorismo" acompañado de diálogo. Probábelmente fora unha xogada estratéxicamente meditada, xa que o PSOE viña de estar involucrado nunha guerra suxa contra ETA: os GAL. Iso fixo que, incluso despois do asasinato de Miguel Ángel Blanco (1997), Aznar sentara a falar cos abertzales en cada tregua na que pudo facelo.
Mais outra parte da dereita política representada por xente como María San Gil ou Jaime Mayor Oreja ofrecía unha visión e estratexia diferente diante do conflicto. E por que non dicilo: tamén Intereconomía, a COPE de Jiménez Losantos, La Razón, El Mundo... Que utilizaron a dor das familias afectadas como cincel co que mallar no goberno Zapatero. Para eles, ETA era noticia de portada. Era un perigo constante. Unha alarma social. Acusaban ao PSOE de ser cómplices. Ou non foron eles quen falaban de ETA-Batasuna e de ETA-PSOE, como se nada?
Esa liña dura da dereita española viuse moi influida polos postulados das asociacións de víctimas de ETA (AVT). Mais calquera dirixente político entende que ten que ir máis aló; ter obxectivos máis ambiciosos que o propio beneficio (en número de votos). Incluso Ansar o entendeu. Pero o diálogo foi unha vía desbotada, malmetida e despreciada ata o último minuto: que llo pregunten a Eguiguren. Con cada morto de ETA, o PP subía en votos en Álava. E La Razón vendía o dobre de exemplares.
ETA foi un negocio rentábel para quen se aproveitou da desgraza das víctimas. A bóla agora está no tellado de Pedro J. e Mariano Rajoy. Seguirán sen querer falar sobre o achegamento dos presos, por exemplo? Seguirán mostrándose como adalides da democracia ilegalizando ideoloxías?







0 comentaris:
Publica un comentari